expr:class='"loading" + data:blog.mobileClass'>

martes, 31 de decembro de 2013

Un pouco de todo

O pasado sábado, pese ao forte vento, ao granizo e ao diluvio universal, decidín dar unha volta pola costa. Comecei pola praia de Arealonga, onde non atopei nada salientable, a excepción de Gaivotas choronas (Larus ridibundus), Gaivotas escuras (Larus fuscus) e por suposto Gaivotas patiamarelas (Larus cachinnans michahellis)


Moitas aproveitaban a desembocadura do río de San Miguel, na esquina Oeste da praia para beber e lavarse. É un lugar habitual onde se concentran a miúdo en torno a medio centenar de gaivotas.


Seguín cara Rinlo, e nos prados próximos á antiga cetárea de novo moitas gaivotas loitaban contra o forte vendaval e buscaban abrigo poñendo corpo a terra.



Xa no porto de Ribadeo puiden inmortalizar este Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo).



Despois fixen unha breve visita á poza de Arnao, e alí o máis destacado foi unha parella de Patos cullerete (Anas clypeata) que se atopaban alimentándose da abundante vexetación acuática. Logo daríame de conta de que estaba a empregar na miña cámara unha sensibilidade moi alta, polo que se pode apreciar moito granulado nas fotografías... Un erro que xa non ten solución e do que me decatei demasiado tarde.




Logo achegueime ata a praia de Salías, na enseada da Liñeira. Alí puiden observar numerosos Mazaricos reais, Pirlos curlibicos (uns 200 individuos), algún Bilurico pativerde, máis Corvos mariños reais, e dous Mazaricos rabipintos.

Pero non podían faltar outros coma as Garzotas comúns (Egretta garzetta), as Gaivotas chorones ou os Cullereiros (Platalea leucocordia). Unha mágoa o granulado das fotos...


Garzota común.


Gaivota chorona.


Outra Garzota.


Algúns Cullereiros.







De súpeto unha sombra pasou fronte a min a toda velocidade e pousouse moi preto. Era unha fermosa femia de Martiño pesqueiro (Alcedo atthis) que se quedou un pedazo conmigo. Que bonitos son.




E para rematar, unhas imaxes dun bando de Pirlos curlibicos, que as estaban a pasar canutas entre o mal tempo e a marea que lles ía asolagando os pousadoiros.




venres, 27 de decembro de 2013

Avefría Europea (Vanellus vanellus)

As Avefrías son aves moi vistosas, cunha plumaxe na que se misturan tonos brancos, negros, ocres e verdes con iridiscencias.


 Aínda que existen algúns lugares onde aniñan en Galicia, estes son escasos e moi localizados, na zona do interior.


 Son moito máis comúns coma invernantes, que marcharán das nosas terras entre febreiro e abril.


En voo son características as súas ás anchas e redondeadas nos extremos.


 Aliméntase nos esteiros e campos de cultivos de miñocas, moluscos, insectos e plantas principalmente.










sábado, 21 de decembro de 2013

Gaivota escura anelada en Guernsey

Hoxe aproveitei as poucas horas de luz que quedaban da tarde para achegarme ata a praia de Arealonga, e ver o que se movía por aló.
E á beira dun gran grupo de Gaivotas choronas que se alimentaban nos restos das algas de arribazón, atopábanse unhas 30 grandes gaivotas. 
Había algún exemplar de Gaivotón común, Gaivota patiamarela e Gaivota escura.

E foi nun exemplar desta última especie, no que puiden observar e ler unha argola, en concreto Negro 5CC3: B5CC3


 Como curiosidade, este exemplar presentaba tamén as patas cunha coloración diferente: a esquerda máis rosácea e esbrancuxada, mentres que a dereita era amarela.


Grazas á axuda de Antonio Gutiérrez (http://gaviotasyanillas.blogspot.com.es/), puiden tramitar a lectura. E velaí van os datos da nosa amiga.
Gaivota escura / Gaivota sombría / Lesser Black-backed Gull (Larus fuscus)  

Argola de cor / Anilla de color / Colour Ring: B5CC3 

Argola metálica / Anilla metálica / Metal Ring: D7998 
Idade no anelamento / Edad en el anillamiento / Age at Ringing: capturada con 4 ou máis anos de calendario / hatched four or more calendar years ago 
Sexo: Femia / Female 

Data do anelamento / Fecha del anillamiento: 30/06/2013
Lugar: Ty Coed, Vale Marais, Guernsey (O Bailiazgo de Guernsey forma parte do arquipélago das Illas do Canal, situadas nas proximidades de Normandía, no Canal da Mancha, aínda que pertencentes á Coroa Británica).
Latitude: 49.49731  Lonxitude: -2.532182
Observador: Veron, Paul


Observada por primeira vez tras o anelamento hoxe día 20/12/2013, na praia de Arealonga, Barreiros, Lugo.





mércores, 18 de decembro de 2013

Bilurico bailón na praia de Esteiro

Velaí van unhas fotos que lle puiden sacar a un Bilurico bailón, (Actitis hypoleucus) na praia ribadense de Esteiro. Aproveitaba os primeiros raios do sol, pois eses días ía moito frío a primeira hora da mañá.
Son aves que se identifican de modo sinxelo, polo característico e esaxerado movemento do rabo, basculándoo constantemente arriba e abaixo.
Aquí podedes ver a flexibilidade que teñen.



No pequeno regato que desemboca na praia atopaba alimento (insectos, vermes e materia vexetal)


Gústanlle as zonas onde exista unha corrente bastante rápida.


Aniña en case todo o continente europeo.


En Galicia é invernante común, con cría localizada.








luns, 16 de decembro de 2013

Pato cullerete na poza de Arnao


O Pato cullerete, Anas clypeata (Pato cuchara), cría no centro e leste de Europa. Na Península tamén aniña en contados humidais, pero o máis frecuente é atopalo coma especie invernante. E isto é o que acontece no caso de Galicia.


Este exemplar atopábase na poza de Arnao, alimentándose en solitario das abundantes plantas acuáticas. Non parecía molestarlle a miña presenza e afanábase en comer.


Este pato podemos observalo nas rías, esteiros e lagoas, tanto costeiras coma no interior.


Non é unha anátida que se poida considerar coma común en Galicia, pero o seu número vai en aumento.


martes, 10 de decembro de 2013

O dormidoiro dos Pirlos curlibicos

Na escollera do porto de Ribadeo concéntranse cada solpor varios centos de Pirlos curlibicos ou comúns para pasar a noite ao abrigo.

Con coidado para non molestalos, puiden sacar algunha instantánea.