expr:class='"loading" + data:blog.mobileClass'>

martes, 31 de decembro de 2013

Un pouco de todo

O pasado sábado, pese ao forte vento, ao granizo e ao diluvio universal, decidín dar unha volta pola costa. Comecei pola praia de Arealonga, onde non atopei nada salientable, a excepción de Gaivotas choronas (Larus ridibundus), Gaivotas escuras (Larus fuscus) e por suposto Gaivotas patiamarelas (Larus cachinnans michahellis)


Moitas aproveitaban a desembocadura do río de San Miguel, na esquina Oeste da praia para beber e lavarse. É un lugar habitual onde se concentran a miúdo en torno a medio centenar de gaivotas.


Seguín cara Rinlo, e nos prados próximos á antiga cetárea de novo moitas gaivotas loitaban contra o forte vendaval e buscaban abrigo poñendo corpo a terra.



Xa no porto de Ribadeo puiden inmortalizar este Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo).



Despois fixen unha breve visita á poza de Arnao, e alí o máis destacado foi unha parella de Patos cullerete (Anas clypeata) que se atopaban alimentándose da abundante vexetación acuática. Logo daríame de conta de que estaba a empregar na miña cámara unha sensibilidade moi alta, polo que se pode apreciar moito granulado nas fotografías... Un erro que xa non ten solución e do que me decatei demasiado tarde.




Logo achegueime ata a praia de Salías, na enseada da Liñeira. Alí puiden observar numerosos Mazaricos reais, Pirlos curlibicos (uns 200 individuos), algún Bilurico pativerde, máis Corvos mariños reais, e dous Mazaricos rabipintos.

Pero non podían faltar outros coma as Garzotas comúns (Egretta garzetta), as Gaivotas chorones ou os Cullereiros (Platalea leucocordia). Unha mágoa o granulado das fotos...


Garzota común.


Gaivota chorona.


Outra Garzota.


Algúns Cullereiros.







De súpeto unha sombra pasou fronte a min a toda velocidade e pousouse moi preto. Era unha fermosa femia de Martiño pesqueiro (Alcedo atthis) que se quedou un pedazo conmigo. Que bonitos son.




E para rematar, unhas imaxes dun bando de Pirlos curlibicos, que as estaban a pasar canutas entre o mal tempo e a marea que lles ía asolagando os pousadoiros.




Ningún comentario:

Publicar un comentario